CRTVG

Buscar

O proxecto de parque eólico do monte Castrove mobiliza veciños de catro concellos que protestan pola súa instalación

Publicado o 17/08/2021 14:22

Os veciños de catro concellos van presentar mañá máis de 250 alegacións ao proxecto de parque eólico que se prepara no monte Castrove. Afecta Poio, Barro, Meis e Pontevedra. A plataforma Non ao parque eólico en Castrove di que o impacto para os veciños e a contorna será irreparable. A aldea da Escusa é a zona máis afectada. Vai quedar dentro da liña poligonal do parque eólico, polo que as propiedades perderán ata nun 50 por cento do seu valor. Iso é o que advirten dende a plataforma. Din que esta zona pasaría a ser industrial e non se podería dedicar ao uso gandeiro nin agrícola, ademais de poder sufrir unha ampliación no futuro o ruído e as vibracións do parque no presente.

"Quérennos poñer catro aeroxeradores de case 200 metros de alto e de 170 metros de diámetro de aspas e irían en Barro, Meis, Poio e Pontevedra. O impacto deste parque ocuparía varios quilómetros de molestias. Afectaríanos as augas, fai ruído, fai "efecto discoteca" con luces e sombras que provocan danos no sistema nervioso, pasarían liñas de alta tensión para levar esa electricidade que non é para nós e aínda non sabemos por onde van ir", denuncia Lúa Gándara, voceira da Plataforma Non ao parque eólico do Castrove. 

Neste monte hai zonas protexidas, uns petróglifos próximos e a igrexa da Escusa, ademais dos restos dunha ermida que van restaurar. Todo un proxecto de revitalización turística proxectada pola comunidade de montes. Tamén quedará afectado o campo de golf de Meis.

"Queremos poñer un valo pola estrada de arriba por arriba de Riomouro e da Escusa, e meter aí os cabalos no tempo de xullo e agosto cando hai máis seca e darlle aí de comer e facer diso unha atracción turística", explica Francisco Casás Graña, presidente da Comunidade de Montes de Santo Tomé de Nogueira en Meis

"Temos o campo de golf como unha paraxe natural de piñeiros galegos e despois de ver a documentación que nos facilitaron estaríamos dentro dun parque industrial, non é o mesmo estar nunha paraxe natural que unha zona industrial", di José Ramón Vidal, presidente da Fundación Monte Castrove. 

Afirman que vai afectar negativamente o benestar das poboacións próximas, causar danos irreversibles á flora, fauna deste monte cunha grande riqueza.

Noticias web

17/08/2021