CRTVG

Buscar

O proxecto da vacina galega da covid-19 recibe máis financiamento da man da empresa Urovesa

Publicado o 09/07/2020 14:46

Un dos dous proxectos galegos que buscan a vacina contra a covid-19 recibe un novo impulso económico. 20.000 euros máis de financiamento dunha coñecidada empresa galega de vehículos especiais, que se unen ao financiamento do Instituto Carlos III, da Comisión Europea e dunha gran entidade financeira.

A iniciativa privada vese atraída pola boa posición deste proxecto que utiliza tecnoloxía propia para crear unhas micro-esferas no interior da célula nas que o virus se replica. En meses poderían estar xa en fase de ensaios clínicos.

A nova achega de Urovesa ao proxecto da Universidade de Santiago súmase aos 370.000 euros de financiamento, en parte compartido cun grupo de Madrid, cos que contaba xa o proxecto investigador do profesor Xosé Manuel Martínez Costas. A cantidade permite todos os recursos para financiar durante un ano a investigación.

"Permite diversificar enfoques, presentamos unha liña base e cantos máis recursos máis posibilidades temos de facer variacións que nos poidan conducir ao éxito", explica José Manuel Martínez Costas, o director do grupo de investigación.

O grupo xa enviou a Madrid, para as probas previas ao ensaio clínico, unha primeira versión do preparado vacínico, e traballa xa a bo ritmo nunha segunda versión. A metodoloxía deu resultado para vacinas de interese veterinario e as expectativas no método son tantas que a Comisión Europea xa ten unha bolsa prevista para un ensaio previo con macacos, que chegará nunha fase posterior.

Todo un éxito para un grupo que hai anos estivera a piques de desfacerse por dificultades económicas. "Levamos moitos tempo pelexando polo financiamento, como moitísimos outros grupos de España. Este é un modesto exemplo de como a partir da investigación básica, desta que en teoría non serve para nada, se pode facer algo co que podemos afrontar un problema moi serio da sociedade", reflexionou o profesor Martínez Costas.

No acto, o reitor da USC dixo que sen investigación e sen talento non é posible o progreso.

Noticias web

09/07/2020