CRTVG

Buscar

O programa para renovar electrodomésticos xa consumiu o 25 % das axudas

Publicado o 30/04/2021 14:36

Hai dez días que se puxo en marcha o programa Renove de electrodomésticos da Xunta e xa se consumiu o 25 % do orzamento.

Máis de 750.000 euros en dez días. As axudas para renovar electrodomésticos nótanse na afluencia dos comercios que se adheriron ao programa, cincocentos en toda Galicia.

Jorge Bermello ten unha tenda de electrodomésticos: "De entrar 10 persoas nunha mañá, a máis de 200. O número de vendas incrementouse de maneira vertixinosa".

Os clientes xa veñen informados e aproveitan a ocasión. "Acabamos de comprar unha lavadora onte e hoxe viñemos mirar unha lavalouza". "Imos aproveitar tamén para unha vitrocerámica, todo o que se poida". "Non sei de que se trata, pero vou averiguar a ver se podo solicitalo", comentan uns clientes.

As axudas oscilan entre os 100 e os 450 euros, dependendo do electrodoméstico e do perfil do cliente, se é vulnerable ou non.

Roberto Seoane, ten unha tenda de electrodomésticos: "Máis ou menos un 30 por cento de vulnerables, e o resto cliente xeral. Están aproveitando para cambiar electrodomésticos que consumían moito por outros que consumen menos".

Os produtos máis demandados están sendo as lavadoras, a metade das solicitudes, seguidas de frigoríficos e placas de indución.