CRTVG

Buscar

O programa 'Abramos o círculo' logra atallar a violencia machista en sete de cada dez casos

Publicado o 26/10/2020 14:49

Tomar consciencia da existencia dunha dificultade para controlar impulsos violentos no ámbito familiar ou de parella é o primeiro paso para atallar un problema que, de non ser abordado, podería derivar nunha situación grave de violencia machista. Ese primeiro paso, sen que haxa denuncia, para pedir axuda, é o que dan os homes que participan no programa Abramos o Círculo.

O coordinador do programa, Rubén Villar, explica que é un programa " voluntario, dirixido a homes maiores de idade, que queren porlle solución ao seu control de impulsos e aprender a resolver conflitos dunha maneira axeitada". Engade que "en moitos casos é o entorno o que impulsa e facilita dar ese paso".

Sete de cada dez participantes conségueno. O programa é gratuíto e funciona grazas á colaboración entre a Secretaría xeral de Igualdade e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Nos primeiros seis meses deste ano, entre eles os que vivimos confinados, 90 homes deron ese primeiro paso. Son 12 máis que no mesmo período de 2019, un aumento menor do que se puido temer, segundo os expertos, que constatan que non hai un perfil definido de usuarios.

"A maior parte dos casos está entre os 35 e 45 anos, pero podemos ter usuarios moi novos e tamén de idade avanzada".

Non é a primeira vez que reciben peticións de axuda con menores de idade. Por iso os expertos recomendan impulsar programas de prevención primaria desde a escola.

Noticias web

26/10/2020