CRTVG

Buscar

A USC suspende de novo o profesor Luciano Méndez por comentarios machistas

Publicado o 23/10/2019 15:28

Carmen Carballido é a alumna da USC á que ían dirixidos os comentarios do profesor Luciano Méndez.

"Non podes estar aquí con ese escote, ou vas para a última fila ou te tapas, non é forma de vir a unha clase de matemáticas. Eu estaba en shock, pensei ata que estaba soñando, e empezaron a defenderme os meus compañeiros e el empezou a dicirlles: 'Pero vide e mirádea, se case lle vexo unha mamila'".

Así explica Carmen o acontecido na última clase co profesor da facultade de Economía da USC Luciano Méndez. Despois desta situación, ela e os seus compañeiros abandonaron a aula. A afectada denunciou o caso inmediatamente e esta mañá a USC abría un procedemento sancionador e suspendía cautelarmente este profesor.

Antonio López, reitor da USC: "A gravidade baséase nos feitos que se poñen de manifesto, ese escrito que fixo chegar a alumna, e tamén se basea en que este tipo de condutas son reiteradas".

Luciano Méndez xa fora suspendido dous meses de emprego e soldo por comentarios sexistas e tamén apoiara publicamente a Manada. Esta mañá acudía a facultade cando lle foi notificada a súa suspensión cautelar.

"Eu non dou clase a mulleres en topless, dá igual que me mande o reitor, o presidente de España ou Cristo bendito".

Os compañeiros de Carmen piden que non volva dar clase. 

 "Rexeitamos e apoiamos a Carmen, estamos con ela, todos os compañeiros o demostramos". "A suspensión temporal ou cautelar ou o que sexa non é a solución, porque vai volver pasar, el mesmo o di, el non se arrepinte do que fixo".

Os alumnado da facultade prepara mobilizacións en apoio á súa compañeira.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí