O principal foco de infección do coronavirus en Galicia está en Oleiros
O principal foco de infección do coronavirus en Galicia está en Oleiros, no centro de atención á discapacidade de Lamastelle, que dirixe a asociación Aspronaga. Un usuario do centro de día desa entidade faleceu nas últimas horas e máis dunha ducia de persoas relacionadas co mesmo deron positivo. Outras están a ser examinadas.
O complexo Lamastelle, que integra un centro de formación ocupacional, centro de día e residencia para persoas con discapacidade intelectual, é o foco de infección do coronavirus máis importante de Galicia arestora. Ao falecemento dun usuario do centro de día, de 45 anos, súmanse arredor de 15 persoas da contorna da institución que están baixo control, unhas no CHUAC e outras na casa, tras daren positivo nas probas realizadas. Varias persoas máis, con síntomas, están a ser sometidas a seguimento.
A asociación Aspronaga, que dirixe a institución, lamentou a morte acontecida nas últimas horas, e fai un chamamento a que se extremen as medidas de precaución
O centro, desinfectado hai uns días tras coñecerse o primeiro caso, alberga tamén a residencia Ricardo Baró, onde se manteñen en corentena os seus 65 usuarios, que non perden o ánimo, e así o transmiten a través deste vídeo.