O primeiro taxi de Galicia preparado para facilitar a comunicación con persoas xordas funciona na Coruña
O taxi de Any Voinea vai equipado con diversos complementos, wifi, tableta, videovixilancia para que quen viaxa no seu híbrido se sinta a gusto. Unha das singularidades profesionais desta romanesa arraigada na Coruña desde hai vinte anos é que nese obxectivo ten en conta tamén as persoas con discapacidade.
Any Voinea, titular do taxi 240 da Coruña: "Veume a idea de axudar e puxen un aparato para as persoas que teñen unha discapacidade auditiva. Para que eles escoiten mellor cando están aquí, dentro do taxi".
O que fixo foi instalar un sistema de bucle magnético que facilita o diálogo con persoas xordas que teñen audífonos ou implante coclear. Unha mellora pioneira no servizo de taxi en Galicia que está a ser moi ben acollida entre as persoas con problemas auditivos e tamén polas asociacións de persoas xordas.
Jose Ramón Solórzano, ten un implante coclear e di que é "un adianto e un logro estupendo e enorme. Ademais paréceme que, sempre, todo o que sexa relacionado coa inclusión e a accesibilidade é un gran paso cara a adiante".
María José Rial, tamén con implante coclear máis recente asegura: "A proba a min gustoume porque superas dificultades e fai que vaias máis cómoda. Hai moito que avanzar neste sentido. O que fixo Any paréceme marabilloso".
Desde Acopros, a coordinadora de Programas, Inma Tabernero afirma: "Apoiamos a iniciativa de Any totalmente coa instalación do bucle no seu taxi e instamos a que haxa bucles magnéticos en todos os puntos de información ao cidadán".
Todos apoian esa demanda de que as administración axuden para facilitarlles a audición en espazos de uso público, como os taxis. Any complementa a súa iniciativa bono desconto para clientes con discapacidade e pide axudas para que se extenda a todos os taxis: "Se puidese ser xa, que establecesen unha pequena axuda para que os demais taxistas tamén o instalen".
Esta taxista amósase encantada coa súa profesión. Ata creou o seu vestiario de traballo, precisa, incluíndo a cor dos escudos de Galicia e da Coruña. Como titular da praza só leva dous meses, pero tamén xa ten en marcha un bono para clientes con discapacidade.