CRTVG

Buscar

O primeiro ministro libanés anuncia a dimisión do seu Goberno no medio da vaga de protestas

Publicado o 29/10/2019 18:17

O primeiro ministro libanés, Saad Hariri, anunciou este martes a dimisión do seu Goberno, despois de dúas semanas de protestas masivas contra o seu Executivo en todo o país.

"Diríxome ao Palacio Baabda para presentar a dimisión do Goberno ao presidente, Michel Aoun, en resposta aos moitos libaneses que saíron ás prazas para pedir o cambio", indicou nun breve discurso televisado á nación.

O mandatario advertiu de que xa non pode "ocultar máis" o feito de que O Líbano chegou a un "canellón sen saída", polo que puxo a súa dimisión "en mans do presidente e de todos os libaneses", pois Aoun debe agora aceptar ou rexeitar a renuncia. 

As protestas arrincaron o 17 de outubro, despois de que o Goberno anunciase a súa intención de taxar as chamadas telefónicas a través de servizos de mensaxería gratuíta por internet. Desde entón, miles de persoas tomaron as rúas de Beirut e doutras cidades do país esixindo a marcha do Goberno e respostas contra a corrupción e a situación económica dun país que tras 29 anos aínda non pode garantir a subministración de electricidade.

Noticias web

29/10/2019