CRTVG

Buscar

O primeiro día da ABAU do coronavirus transcorre sen incidentes

Publicado o 07/07/2020 21:34

Unha nota alta a que recibirán en materia de hixiene e prevención os estudantes que este martes comezaban as probas da ABAU, antiga selectividade. Todos cumpriron coa máscara, o lavado de mans e a puntualidade. Á marxe das medidas impostas pola crise sanitaria, enfrontan os exames cos mesmos nervios ca sempre, incluso despois de tres meses confinados e supostamente estudando.

Máis de catorce mil alumnos examínanse da ABAU en toda Galicia, en 500 aulas, repartidas por medio cento de locais habilitados para a ocasión. A distancia mínima condiciona a distribución do alumnado.

Na Mariña é a Policía Local a que informa das normas a seguir. Alí o rebrote mantén illada a comarca e obriga a redistribuír os alumnos entre os centros. Non puideron examinarse aquí os de Ortigueira, pola contra si viñeron os de Mondoñedo, que normalmente van a Lugo.

Nos descansos, os grupos non poden ser de máis de dez, desinféctanse aulas entre probas e os exames estarán 24 horas en corentena, antes de corrixirse. Co mesma nova normalidade e un chisco menos de tensión continuarán ata o xoves as probas para saber a nota de acceso dos futuros universitarios.

Noticias web

07/07/2020