CRTVG

Buscar

O primeiro bebé galego do ano chámase Brais e é de Lugo

Publicado o 01/01/2018 21:26

Foi á unha e cuarto da madrugada cando naceu o primeiro bebé do ano en Galicia. Brais Eiras Ferreiro veu ao mundo no hospital Lucus Augusti. Pesou 4 quilos e 400 gramos polo que se tratou dun parto longo e difícl que requeriu cesárea. Agora nai e fillo xa están ben. Ao longo da noite tamén naceron cativos en Vigo, Santiago, Ferrol e Cee.

Este é Brais Eiras Ferreiro, o primeiro bebé que naceu en Galicia no ano acabado de comezar. A súa nai deu a luz no hospital Lucus Augusti de Lugo arredor da unha e cuarto da mañá. O parto estaba previsto para o día 28 pero a muller non rompeu augas ata o sábado a mediodía. Dado que o cativo pesou catro quilos e catrocentos gramos foi un parto moi dificultoso que se prolongou durante varias horas e para o que foi preciso realizar unha cesárea pola posición da cabeza do neno. Pero todo saiu ben e o bebé está en perfecto estado de saúde e a súa nai xa se recupera favorablemente de todo o esforzo. A familia pensou que Brais podería ser o derradeiro bebé do 2017 pero non imaxinaban que fose o primeiro de 2018.

A familia de Brais vive no barrio lugués da Residencia. Este é o seu primeiro fillo e aseguran que se tratou dun cativo moi desexado. Unha das máis contentas é a súa avoa materna, da que herdou os ollos azuis. O pai retirouse a descansar unha vez que se lle fixeron todas as probas o bebé despois de estar acompañando a nai en todas as horas que durou o parto. Polo de agora Brais semella ser un cativo moi tranquilo que non se altera e durme con facilidade. Xa inxeriu a súa primeira comida e en poucos días marchará para casa. 

Nesta noitevella tamén naceron nenos nos hospitais de Santiago, Vigo, Cee e Ferrol e a primeira hora da mañá chegaba unha cativa no centro hospitalario de Monforte.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/01/2018