CRTVG

Buscar

O ministro de Consumo apunta a unha baixada do IVE para conter a factura eléctrica

Publicado o 17/06/2021 12:38

O prezo medio da luz no mercado almacenista págase este xoves a 93 euros/megawatt hora (MWh), un 1,7 % menos que o mércores, cando se marcou o terceiro prezo máis alto da historia con 94,63 euros/MWh.

A suba dos prezos está a verse impulsada polo encarecemento do gas (utilizado polos ciclos combinados para producir electricidade) nos mercados internacionais, pero especialmente polos dereitos de emisión de CO2.

Estes dereitos, que desde que comezou 2021 foron subindo o seu prezo, custan máis do dobre que hai un ano: 51,83 euros no que vai de xuño de 2021, fronte a 23,33 euros do mesmo mes de hai un ano.

Na primeira quincena de xuño o prezo medio da electricidade no mercado almacenista alcanza os 81,50 euros/MWh, o que supón o mes de xuño máis caro desde que hai rexistros, segundo o grupo de consultoría e asesoría enerxética ASE.

Redución do IVE

O ministro de Consumo, Alberto Garzón, anunciou este xoves que o Goberno está a estudar unha redución do IVE sobre a electricidade, coa intención de baixalo do 21 ao 10 por cento.

Nunha comparecencia ante a Comisión de Sanidade e Consumo do Senado para dar conta da súa xestión á fronte do departamento, recoñeceu que o prezo da enerxía está disparado e que esa posible redución sería "unha acción extraordinaria" do Goberno para reducir a factura da luz.

A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, xa adiantou este mércores a posibilidade de volver suspender algúns impostos, como fixo o Executivo no 2018. Daquela, interrompeu durante seis meses o imposto á xeración eléctrica do 7 % e desactivou o "céntimo verde" para os combustibles destinados a produción eléctrica.

Peso na factura

O prezo da enerxía ten un peso próximo na factura ao 24 %, o 50-55 % corresponde ás peaxes (o custo das redes de transporte e distribución) e cargos (os custos asociados ao fomento das renovables, ás extrapeninsulares e as anualidades do déficit de tarifa) e algo máis do 21 % aos impostos.

As oscilacións no prezo diario afectan os fogares acollidos á tarifa regulada (PVPC), algo máis de 10 millóns. Os que están no mercado libre (uns 17 millóns) quedan exentos xa que contan cun prezo pactado coa compañía.

Novo esquema por períodos horarios

O alto prezo da electricidade no que vai de xuño prodúcese nun mes en que tivo lugar tamén a entrada en vigor do novo esquema por períodos horarios. Os prezos das peaxes e cargos son diferentes entre os períodos horarios, tanto de potencia como de enerxía.

No caso da potencia de luns a venres nos días laborables, a 'val' vai das 00.00 horas ás 07.00 horas, mentres que a 'punta' é das 08.00 horas ás 24.00 horas. No caso das fins de semana e festivos, o termo potencia será 'val' todo o día.

No que se refire ao consumo, fíxanse tres tramos horarios: 'punta', 'chairo' e 'val'. O período 'punta', no que o custo das peaxes e os cargos é máis alto, está comprendido entre as 10.00 e as 14.00 horas e as 18.00 e 22.00 horas; o tramo 'chairo', cun custo intermedio, sitúase entre as 08.00 e as 10.00 horas, as 14.00 e as 18.00 horas e entre as 22.00 e as 00.00 horas; e a tarifa 'val', a máis barata das tres, abarca entre a medianoite e as oito da mañá e aplícase durante todas as horas das fins de semana e festivos.

 

Noticias web

17/06/2021