CRTVG

Buscar

O prezo dos mestrados non habilitantes baixa en Galicia para equipararse ás taxas de grao

Publicado o 22/05/2020 20:09

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou, tras analizar o seu Executivo o informe coa proposta, que en Galicia se baixarán os prezos públicos das primeiras matrículas dos mestrados universitarios non habilitantes (enfocados a unha especialización de coñecementos ou á investigación científica). O obxectivo é equiparar estes prezos cos de grao universitario, que seguen conxelados.   

De feito, as taxas de grao mantéñense conxeladas na comunidade por décimo ano consecutivo e tamén continúan sen variacións as do mestrado habilitante, aquel que é preciso para exercer unha profesión.

Con esta decisión, Feijóo reafirmouse en que Galicia volve estar á cabeza das comunidades con taxas máis baratas para cursar este tipo de estudos.

En concreto, con esta decisión, o prezo medio de matrícula dos mestrados non habilitantes pasará dos 26,49 euros/crédito actuais (por baixo dos 31,06 euros/crédito da media estatal) aos 11,89 euros/crédito de media fixados xa para os graos universitarios e os mestrados habilitantes.   

Esta medida, segundo o Executivo autonómico, suporá un aforro estimado de 21,3 millóns de euros en matrículas para as familias galegas con estudantes universitarios, a razón de entre 308 e 1.150 euros por familia, en función do tipo de estudos.   

A Xunta tamén reivindica que Galicia é a única comunidade que "xa está a cumprir" co obxectivo marcado polo Goberno de España de manter conxeladas as taxas para o próximo curso.