CRTVG

Buscar

O prezo dos grelos na Barbanza anda polos tres euros o mañuzo

Publicado o 14/02/2020 14:01

O consumo de grelos esténdese en Galicia co Entroido. Tamén en zonas de mar, como Ribeira, máis vencelladas coas preparacións de peixe que co cocido. Se aquí se deran, tamén lles afectaría a meteoroloxía pouco favorable deste ano. Neste caso, ademais, un dos custos que inflúen no prezo final é o do transporte.

Milagros Martínez, vendedora no mercado de Ribeira: "Temos o grelo de Santiago, que é o de maior demanda pola zona. É un produto moito máis suave, coce moi ben e pronto. Temos grelo e nabiza, as dúas cousas. Este mañuzo sería tres euros o que é propio grelo. Temos a nabiza a dous con cincuenta, algo máis barata".

Recoñece Milagros que están algo caros e conta que este ano levan polos tres euros desde que empezou a temporada. Prevé que seguirán igual nos días grandes do Entroido e dos cocidos: "Agora non chega o grelo que vén. Non chega a nada. Todo son encargas de grelo; a xente reúnese ao redor do cocido. É algo típico e que se vende moito. E máis o grelo que a nabiza".

Un mañuzo deles é o que elixe e reserva unha muller camiño da mercado noutra tenda da vila. Preguntámoslle que lle parece o prezo ao que llo deixan.

"Dous setenta e cinco euros. Outros anos ten estado sobre dous con cincuenta, dous euros... A chuvia tamén veu amolar as colleitas, todo fastidia, entendes?".

E non só a chuvia, porque houbo zonas en que a seca cando a sementeira impediu que xerminaran ou foran adiante as plantas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/02/2020