CRTVG

Buscar

O prezo da luz sobe este mércores un 14 % e achégase ao máximo histórico

Publicado o 24/08/2021 15:41

O prezo medio da electricidade no mercado almacenista (pool) situouse para este mércores en 116,73 euros o megawatt hora (MWh), un 14,4 % máis ca o previsto para hoxe, co que suma a súa segunda suba consecutiva e volve roldar os máximos históricos.

Segundo os datos do operador do mercado ibérico OMIE consultados por Efe, en comparación interanual, o prezo do pool, referencia en España para calcular a tarifa regulada que se paga nuns 10 millóns de fogares, case triplicará os 39,49 euros/ MWh que custaba no cuarto mércores de 2020.

O prezo da enerxía eléctrica volve así aos niveis de hai dúas semanas, cando se asinaron cinco récords seguidos, o último ese venres (117,29 euros/ MWh). Por franxas horarias, este prezo, no que se cruza a oferta dos produtores coa demanda prevista por Rede Eléctrica, oscilará mañá entre os 129,15 euros/MWh que custará entre as 22:00 e as 23:00 horas, e os 105,72 euros/ MWh, entre as 4:00 e as 5:00 horas. 

Podemos segue metendo presión para que o Goberno baixe por decreto o prezo da enerxía. Poñen o foco nas centrais nucleares e as empresas hidroeléctricas. A voceira do executivo dixo hoxe que estudarán a proposta dos morados e restou importancia ás discrepancias por este asunto. Son, di Isabel Rodríguez, distintas opinións.

Noticias web

24/08/2021