CRTVG

Buscar

O prezo da luz segue batendo marcas ao situarse por riba dos 75 euros

Publicado o 13/09/2018 08:25

Novo récord da luz este mércores e non hai garantías de que quede aí. 80 euros o megawatio ás nove da noite. Foi o día coa electricidade máis cara no que vai de ano. Para que se fagan unha idea, hai un ano, ese mesmo megawatio non chegaba aos 50 euros.

O prezo da enerxía segue subindo de xeito imparable. Este mércores o mercado maiorista da luz rompeu a barreira dos 75 euros. Foi o día coa electricidade máis cara no que vai de ano, unha media de 75,39 euros por megawatio-hora, un prezo que ás nove da noite chegou ata os 80 euros. Hai un ano, a electricidade tiña un prezo medio diario algo inferior aos 50 euros. Desde o sector explican este aumento polo descenso da oferta da enerxía eólica, que foi substituída polo carbón, e o encarecemento do gas derivado da suba dos prezos do petróleo.

A federación de consumidores e usuarios pide un cambio radical e propón para as familias un prezo regulado polo Goberno en función da potencia contratada, e non da renda.

"Esa tarifa regulada para familias con potencia contratada de menos de 10kw e con consumo razoable suporía catalogalas como vulnerables", di Sánchez.

Tamén os sindicatos lembran que as eléctricas son un oligopolio e que o mercado libre é unha farsa.

"É necesario modificar a formación do prezo da luz en España".

Sindicatos e asociacións de consumidores propoñen, entre outras medidas, reducir o IVE do 21 ao 4 por cento, o que suporía un aforro duns 130 euros anuais para unha factura media.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/09/2018