CRTVG

Buscar

O prezo da luz retrocede case un 20 % e sitúase nos 173,65 euros o megawatt hora

Publicado o 02/10/2021 08:38
O prezo da luz retrocede case un 20 % e sitúase nos 173,65 euros o megawatt hora

O prezo da electricidade no mercado almacenista (pool) situouse este sábado en 173,65 euros o megawatt hora (MWh), o que supón un descenso próximo ao 20 % respecto ao prezo fixado para este venres, cando se alcanzaron os 216,01 euros/MWh, o prezo máis alto ata o momento.

O prezo de hoxe é o máis caro de toda a serie histórica para un sábado, día no que diminúe a actividade económica e a demanda enerxética é menor. Supera en máis dun 4 % o importe establecido no mesmo día da semana anterior e multiplica por nove o pagado no pool do primeiro sábado de outubro do ano pasado (19,13 euros).

Ademais, sitúase por riba dos 156,15 euros/MWh cos que se pechou de media setembro, o mes máis caro desde que existen rexistros.

Os prezos do mercado almacenista repercuten directamente na tarifa regulada, á que están acollidas case 11 millóns de familias en España, e serve de referencia para as outras 17 millóns que contratan a súa subministración no mercado libre.

Por franxas horarias, o prezo máximo para hoxe rexistrarase entre a 1:00 e as 2:00 da madrugada con 234,37 euros/ MWh, mentres que o mínimo será de 54,13 euros/ MWh entre as 17:00 e as 18:00 horas.

A escalada de prezos que afecta a gran parte de Europa débese, entre outros factores, ao encarecemento nos mercados internacionais do gas, que se emprega nas centrais de ciclo combinado e que marcan o prezo do mercado na maioría das horas. Do mesmo xeito, inflúe o aumento do prezo dos dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2).