CRTVG

Buscar

O prezo da luz chegará a un novo máximo este xoves, á espera das medidas do Goberno

Publicado o 08/09/2021 15:07

O prezo da luz non dá tregua. Este mércores o megawatt hora págase de media a 135 euros, e mañá xoves vai romper todos os teitos: 141 euros, seis máis ca hoxe. O Goberno anuncia un novo paquete de medidas que supoñan "novos amortecedores sociais para que o custo da enerxía non bata de cheo na economía dos fogares", anunciou Pedro Sánchez no Congreso.

O asunto provoca friccións dentro da coalición. A ministra de Dereitos Sociais Ione Belarra celebra que "esa reflexión que faciamos en Unidas Podemos agora a comparta o conxunto do goberno" e asegura que as súas propostas son "realistas e efectivas". Entre elas está a creación dunha empresa pública de enerxía, unha idea que non convence a titular de Economía. Para a vicepresidenta Nadia Calviño "a evolución dos mercados non depende de que unha empresa sexa pública ou privada".

Si confirmou Calviño que o Goberno estuda reducir os impostos da electricidade, sen concretar unha cifra. No PP piden que as rebaixas que agora se aplican transitoriamente se fagan permanentes. A súa voceira no Congreso afeoulle a Pedro Sánchez que leve "xa dous Consellos de Ministros en que dixera que ía tomar medidas e non tomou ningunha". 

Noticias web

08/09/2021