CRTVG

Buscar

O prezo da luz baterá este mércores o récord histórico por terceiro día consecutivo

Publicado o 31/08/2021 13:13

EFE

EFE

O prezo medio da electricidade no mercado almacenista (pool) situouse para mañá, mércores 1 de setembro, en 132,47 euros megawatt hora (MWh), co que este indicador bate récord histórico por terceiro día consecutivo e supera en case dous euros ao fixado para este luns (130,53 euros).

Segundo datos do operador do mercado OMIE, se se compara co que se pagou o primeiro mércores de setembro de 2020, 44,20 euros por MWh, o prezo almacenista da electricidade, que en España se usa para calcular a tarifa regulada, practicamente triplícase.

Por franxas horarias, o prezo para mañá oscilará entre os 139,95 euros/ MWh que custará de 22:00 a 23:00 horas, e os 114,74 euros que valerá entre as 4:00 e as 5:00 da madrugada. 

O Goberno comprométese a cambiar a tarifa regulada para que non dependa tanto dese mercado almacenista. Pero descarta unha intervención pública para limitar os prezos. Di que iría en contra da normativa comunitaria.

En Unidas Podemos respóndenlle que si poden intervir para baixar o prezo da luz. Poñen a Francia como exemplo e animan a cidadanía a mobilizarse. No PP din que a situación se vía vir dende hai meses e acusan o Goberno de falta de responsabilidade.

Agosto remata co recibo da luz máis caro da historia. Segundo FACUA, pagaremos de media entre 20 e 30 euros máis que o ano pasado.
 

Noticias web

31/08/2021