CRTVG

Buscar

O prezo da luz baixa un 2 % pero rexistra o nivel máis alto para un sábado

Publicado o 16/10/2021 09:03

O prezo medio diario da electricidade no mercado almacenista baixa este sábado un 2,1 % respecto ao venres, ata os 226,93 euros o megawatt hora (MWh). Porén, é o custo máis alto rexistrado ata o de agora para un sábado.

Hai unha semana, a luz situábase nos 226,21 euros, polo que a suba no últimos sete días limítase a tan só o 0,3 %. Aínda así, se se compara co mesmo día de hai un ano, a alza ascende ao 424 %.

O prezo da electricidade xa marcou este venres o segundo rexistro máis alto da historia, aínda que xa hai máis dunha semana que non marca un novo récord absoluto capaz de pulverizar os 288,53 euros que se chegaron a pagar o 7 de outubro.

O prezo máis alto deste sábado darase entre as 20:00 e as 21:00 horas, cando alcanzará os 264,54 euros/MWh, mentres que o máis baixo rexistrarase entre as 16:00 e as 17:00 horas, con 192,07 euros/MWh.

Factura disparada 

A factura eléctrica xa se disparou este mes de outubro e de mantérense os prezos durante todo o mes o usuario medio pagaría 135,57 euros, un 109,8 % por riba dos 64,61 euros de hai un ano, segundo a análise sobre a evolución da tarifa semirregulada do prezo voluntario para o pequeno consumidor (PVPC) realizado por Facua-Consumidores en Acción.

De feito, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico lanzou unha consulta pública previa relativa á modificación do PVPC, que está totalmente indexado ao mercado almacenista da electricidade e é a modalidade de contratación elixida por 10,7 millóns de consumidores, ao redor do 40 % de todos os domésticos.

Facua tamén advirte de que as novas medidas adoptadas polo Goberno amosáronse "absolutamente insuficientes" e considera que só están a provocar "un freo leve á brutal subida tarifaria".

A redución do IVE ao 10 %, a suspensión do imposto do 7 % á xeración eléctrica, o desconto do imposto da electricidade ao 0,5 % ou a contribución esperada de 2.600 millóns de euros por parte das eléctricas procedente dos denominados "beneficios caídos do ceo", son algunhas das medidas acometidas polo Goberno español.

Con todo, a Comisión Europea aparcou para unha reflexión a medio prazo as medidas que propuxo España para responder á escalada do prezo da electricidade, como a posibilidade de acometer compras conxuntas de gas para crear reservas estratéxicas, á vez que instou as capitais a dar "prioridade" a actuacións xa previstas na lexislación actual que poden ter un impacto "inmediato".

Noticias web

16/10/2021