CRTVG

Buscar

O custo da gasolina segue á alza e marca máximos desde 2014

Publicado o 17/06/2021 11:00

O prezo da gasolina marcou este xoves niveis que non se rexistraban desde hai case sete anos, en outubro de 2014. Continúa, deste xeito, coa tendencia alcista que comezou o pasado novembro.

Segundo os datos difundidos polo Boletín Petroleiro da Unión Europea (UE), a gasolina véndese a unha media de 1,367 euros o litro. Pola súa banda, o gasóleo sitúase nos 1,231 euros, un nivel que se remonta ao rexistrado a finais de xaneiro, antes do inicio da pandemia en España.

Ás portas da fin de semana, a gasolina sobe case un 0,7 % e o gasóleo un 0,8 % respecto á semana anterior. Cos prezos actuais, encher un depósito medio de 55 litros con gasolina custa case 75,2 euros e con gasóleo, 67,7 euros.

Na actualidade, o prezo da gasolina é un 22 % máis elevado que hai xusto un ano, cando o proceso de desescalada estaba rematando e a mobilidade empezaba a recuperarse progresivamente. O do gasóleo subiu case o 21 %.

No último mes, a gasolina encareceuse máis dun 1 % e o gasóleo case un 2 %. Respecto a comezos de 2021, o prezo de ambos os dous combustibles medrou un 15,5 % e un 15,2 % cada un.

Alzas progresivas

O prezo da gasolina e o gasóleo subiron progresivamente desde a semana do 9 de novembro de 2020, no medio das restricións á mobilidade pola segunda vaga da pandemia. Nesa semana, a gasolina custaba 1,142 euros o litro polos 1,014 euros que marcaba o gasóleo.

Con todo, ambos os carburantes seguen lonxe dos seus máximos históricos que alcanzaron a semana do 3 de setembro de 2012, cando a gasolina custaba 1,522 e o gasóleo 1,455 euros.

Neste senso, a gasolina é un 10 % máis barata que en setembro de 2012, mentres que o gasóleo custa case un 15 % menos.

Noticias web

17/06/2021