CRTVG

Buscar

O prezo almacenista da luz baixa o 11 %, ata os 166,29 euros

Publicado o 16/09/2021 13:07

O prezo medio da electricidade no mercado almacenista (pool) levantou o pé do acelerador e, tras dous días pulverizando récords, baixou un 11 % e mañá venres pagarase a 166,29 euros por megawatt hora (MWh), fronte ao máximo histórico de 188,18 euros ao que se pagou hoxe.

Con todo, o prezo do pool, que se usa en España para calcular a tarifa regulada á que están acollidos preto de 11 millóns de usuarios e serve de referencia para os outros 17 millóns que contratan a súa subministración no mercado libre, continúa máis que triplicando os niveis de hai un ano.

A baixada chega despois de días de mensaxes cruzados entre as empresas eléctricas e o Goberno, que acordou medidas coas que pretende rebaixar a factura un 22 por cento antes de finais de ano. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou onte que ía defender os intereses dos cidadáns fronte "calquera presión ou interese particular". As declaracións do presidente chegaban logo de que as eléctricas expresasen o seu malestar polas medidas do Goberno e ameazasen con deixar de producir enerxía nas centrais nucleares.

A vicepresidenta e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, cualificaba estas declaracións do sector como unha reacción "en quente", e dicía que en ningún momento estaba en cuestión a rendabilidade das empresas.

 

Noticias web

16/09/2021