CRTVG

Buscar

O presunto parricida de Oza puido matar o neno cun obxecto contundente

Publicado o 02/10/2018 20:09

Continúa o xuízo contra o suposto parricida de Oza, Marcos Mirás, acusado de matar o seu fillo de once anos. 

O cadáver do pequeno Javier, de 11 anos, presentaba sinais evidentes de violencia. Así o constataron forenses que declararon nesta sexta xornada do xuízo. Precisaron que a maior parte das feridas que sufriu o cativo foron localizadas na cabeza, que cualificaron como órgano vital por excelencia, e que os golpes foron de tal intensidade que lle provocaron a fractura dos ósos craniais.

Concluíron que as lesións do encéfalo foran producidas cun obxecto contundente e antes de morrer, que o neno tivo unha morte violenta e que a causa fundamental do seu falecemento foi un traumatismo cranioencefálico severo.

A defensa segue mantendo que Marcos Mirás, no momento da comisión dos feitos, sufriu un episodio de limitación ou anulación da vontade. E entende que ao longo das sesións quedou evidenciada unha atenuante consistente na diminución do dano.

"Baséome en que segundo as declaracións dos policías, a participación de Marcos no achado e a condución cara ao corpo de Javier foi absolutamente determinante. É máis, houbo policías que declararon que, de non ser pola súa colaboración, non atoparían nunca o corpo".

Está previsto que mañá tanto as acusacións como a defensa expoñan as súas conclusións finais. Despois o xurado popular retirarase a deliberar para emitir o seu veredicto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/10/2018