CRTVG

Buscar

O presunto parricida de Oza asasinou o neno de xeito sorpresivo e moi violento

Publicado o 03/10/2018 14:10

Nas súas conclusións finais, a Fiscalía considerou demostrado que o acusado asasinou o seu fillo Javier, de once anos, de xeito sorpresivo para o cativo, golpeándoo con gran violencia na cabeza cunha pa metálica que levou ao monte de Oza-Cesuras con esa finalidade. Engadiu que colleu o pequeno desprevido, sen que puidese ser auxiliado e sen que el se puidese defender.
Amais, incidiulles aos once membros do xurado popular en que para resolver este caso tiñan que ter claro o motivo do delito.

"Neste caso, o motivo, sen dúbida foi, como quedou acreditado, causar o maior dano posible e irreparable, tanto para Javier como para María del Carmen, a nai do pequeno. E sen importarlle para iso facer algo tan antinatural".

Manifestou tamén que o acusado non só matou o seu fillo, senón que o fixo sabendo o que facía, planificando a súa acción de xeito consciente, voluntario, premeditado e coordinado.

"Estamos ante un asasinato por concorrer a circunstancia de aleivosía e amais é un asasinato agravado polo Código Penal poque se contempla tamén a idade da vítima, menor de 16 anos".

Pola súa banda, a defensa di que en ningún momento discutiu as lesións que sofre a nai do pequeno Javier pero si discute, di, que a orixe delas sexa un acto consciente e voluntario.

"Introducimos nas conclusións definitivas a apreciación a atenuante de diminución do dano por axudar de xeito determinante o achado do cadáver e mantemos a liña que expuxemos estes días. Primeiro solicitamos a libre absolución por unha cuestión técnica e si pedimos a libre absolución con respecto ao delito de lesións psíquicas. Polo asasinato esta parte mantén a eximente completa ou a incompleta".

Pola contra, todas as acusacións alegan a existencia dun delito de asasinato en concorrencia con outro de lesións psíquicas e piden que se apliquen as agravantes de parentesco e de xénero. Solicitan para Marcos Mirás a prisión permanente revisable.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/10/2018