CRTVG

Buscar

O presunto parricida de Foz, a disposición da Fiscalía de Menores

Publicado o 04/11/2019 21:05

Este é o momento en que o furgón fúnebre abandona o domicilio familiar tras o levantamento do cadáver de Minaene Franco, a muller nacida no Brasil hai 36 anos que morreu como consecuencia, presuntamente, das coiteladas que lle asestou o seu propio fillo, menor de idade. O suceso tivo lugar a fin de semana na vivenda que compartían os dous neste edificio do centro de Foz. Unha amiga da vítima foi a que deu a voz de alarma despois de pasar varios días sen saber dela.

Paola Gonçalves, amiga da vítima: "O sábado quixemos poñernos en contacto con ela porque meu irmán vira o seu fillo coas mans cortadas e dicindo que todo se acabara. Mandámoslle unha mensaxe para preguntarlle se estaba ben e que lle pasara ao seu fillo, pero non contestou. Miña nai foi alí pola noite coa Garda Civil e cuns paisanos nosos, brasileiros, para ver que lle pasara e atoparon sangue no chan. Os axentes dixeron que ata hoxe non mandaban o permiso para entrar na casa".

O presunto parricida, de 17 anos, foi detido nun bar da vila e posto a disposición da Fiscalía de Menores de Lugo. Mentres a Garda Civil investiga as circunstancias do suceso, o Concello de Foz xa anunciou que vai aprobar no vindeiro pleno unha declaración institucional de condena do acontecido.

Francisco Cajoto, alcalde de Foz: "Imos facer unha declaración institucional que xa coordinamos con todos os portavoces de todas as forzas políticas. A resposta do Concello de Foz debe ser unánime".

A vítima deste suposto parricidio era alumna do Instituto de Foz, onde está previsto que se celebre unha concentración cun minuto de silencio.

Noticias web

04/11/2019