CRTVG

Buscar

O presunto fraticida de Salceda segue detido no cuartel da Garda Civil de Baiona

Publicado o 31/08/2019 20:54

Os Fernández Caballero son oito irmáns. No barrio da Corisca, na parroquia de Entenza, case todo o mundo coñecía as desavinzas entre dous deles por culpa do reparto da herdanza familiar. Na aldea do lado, en Arantei, a vítima, Ángel, botaba a partida de tute de catro. Alí tamén falan dunha mala relación co presunto fraticida, Santos.

Javier Rey, amigo da vítima:"Si, non quería problemas con el. Cada vez que o miraba apartaba del para non ter problemas e ao final mira que pasou".

Sáa, amigo da vítima: "Eles eran bastante conflitivos. O irmán, eu teño unha tapería aí, e cando estaba o irmán, o que lle pegou o golpe, o outro non entraba, chegaba e marchaba, apartábase del".

Nun terreo familiar a poucos metros da casa da nai, Santos, de 49 anos, matou presuntamente o seu irmán Ángel Fernández Caballero, de 51. A instrución do asasinato ou homicidio, porque aínda está sen catalogar, queda en mans do Xulgado do Porriño. O xuíz instrutor, como parte das dilixencias, xa comezou a falar co círculo familiar. Escoitará a versión do suposto fraticida o domingo ou o luns. El mesmo foi quen chamou, antes de ser detido, a Garda Civil. "Matei a meu irmán" -díxolles. A vítima foi trasladada ao hospital Álvaro Cunqueiro. Chegou vivo pero faleceu en menos dunha hora, xa que o golpe do sacho na cabeza provocoulle perda de gran cantidade de masa encefálica. Investigan a grande incógnita, as motivacións, o porqué un irmán matou o outro. O suposto criminal segue detido no calabozo do cartel da Garda Civil de Baiona.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/08/2019