Prisión comunicada e sen fianza para o presunto fratricida de Salceda
• É investigado pola presunta comisión dun delito de homicidio ou, alternativamente, de asasinato. Foi el mesmo quen chamou por teléfono á Gardia Civil para confesar
O acusado será xulgado por homicidio se se considera que o crime foi o resultado dunha disputa. Se, pola contra, hai indicios de que foi premeditado, será acusado de asasinato.
Santos Fernández Caballero, veciño de Salceda atacou o seu irmán cunha aixada durante unha discusión por unha leira e despois avisou a Garda Civil. A vítima morreu no hospital.
Os irmáns discutiron por unha leira
Santos Fernández Caballero, de 49 anos e veciño de Salceda de Caselas, compareceu este luns pola mañá nos xulgados do Porriño para prestar declaración tras pasar toda a fin de semana custodiado nos calabozos do cuartel de Baiona. A Garda Civil arrestouno o venres pasado pouco despois de cometer o crime. Foi durante unha discusión co seu irmán, Ángel, de 51 anos. Segundo confesou el mesmo, nun momento da rifa, o acusado colleu unha aixada e deulle un golpe na cabeza ao irmán. Deseguido, e pensando que estaba morto, chamou a Garda Civil. A vítima aínda chegou con vida ao hospital de Vigo, pero morreu pouco despois pola gravidade dos golpes.
Os veciños contan que os dous irmáns rifaban a miúdo por discrepancias na repartición de parcelas e mesmo chegaron a xuízo. Agora Ángel está morto e seu irmán Santos, en prisión preventiva por matalo.