Cuestión de horas o paso a disposición xudicial do detido pola agresión machista de Vimianzo
En cuestión de horas está previsto que pase a disposición xudicial o acusado de acoitelar unha muller a semana pasado en Vimianzo. Será no Xulgado de Instrución número 1 de Corcubión.
Todo depende nestes momentos dos facultativos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde está ingresado Javier Miñones Trigo desde pouco despois de que o detiveran na praia dos Muíños, en Muxía, a onde fuxiu tras asestarlle, supostamente, cinco coiteladas no pescozo á súa ex-parella. Segundo puido saber a Televisión de Galicia, Miñones está ingresado no módulo de presos, custodiado pola Garda Civil.
Tamén puidemos saber que recibiu atención neurolóxica. En canto lle dean a alta médica, que podería ser inmediata, segundo fontes da Garda Civil, Miñones Trigo será trasladado a estes xulgados de Corcubión, en calidade de detido.
A vítima, de 48 anos, segue ingresada no Hospital Clínico de Santiago. Segundo puidemos saber, experimentou algunha melloría nas últimas horas, aínda que o seu estado continúa sendo grave.