CRTVG

Buscar

Analizan un coitelo atopado preto da vivenda da muller asasinada en Lugo este venres

Publicado o 10/02/2020 16:41

Veciños e autoridades concentráronse diante o Concello para condenar o último crime da violencia machista. Un acto ao que asistiron emocionadas algunhas das amigas da vítima, Clara Expósito, de 49 anos, e nai de dous fillos. Previamente, o Concello celebraba un pleno extraordinario e decretábanse tres días de loito. En dependencias policiais segue o presunto asasino, Franciso Javier Belda, parella da falecida, á espera de pasar a disposición xudicial.

Así o explicaba a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez: "A Policía Nacional está facendo un traballo extraordinario, está levando a cabo todas as investigacións, o presunto asasino está detido á espera de pasar a disposición xudicial".

A investigación está baixo segredo de sumario. Nas últimas horas localizábase a que pode ser a arma homicida, un coitelo, que desenterraba o can dun veciño nun dos seus paseos rutinarios na contorna da vivenda da vítima.

Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional en Lugo: "Practicáronse diferentes dilixencias de diferentes obxetos que poden ou non ter relacion e que teñen que ser investigados e peritados. Dende o principio están abertas todas as liñas de investigación, o único que se descartou foi o roubo, o resto sempre estiveron abertas tanto como por homicidio, violencia doméstica e violencia de xénero".

Foi a nai da vítima quen a encontraba tirada no chan do cuarto de baño con varias coiteladas no pescozo. Iniciara unha relación co seu presunto asasino había uns meses. O detido que, ao parecer, puido confesar o crime aos seus achegados, conta con numerosos antecedentes policiais e estaba a piques de ingresar no cárcere por un delito contra a seguridade viaria.

"Das dilixencias practicas e tras verificar que é o presunto autor dos feitos procedese a sua detención. A investigación segue aberta, estamos a espera de informes de vital importancia para pechar o caso", dixo o voceiro da Policía Nacional.

Clara María Expósito era soterrada onte. A súa morte causou unha gran conmocion na cidade. Trátase da décimo segunda da violencia machista no que vai de ano, a segunda rexistrada en Galicia.

 

Noticias web

10/02/2020