CRTVG

Buscar

O presidente do PP de Guipúscoa, Borja Sémper, despídese defendendo unha política sen "trincheiras"

Publicado o 14/01/2020 08:53
O presidente do PP de Guipúscoa, Borja Sémper, despídese defendendo unha política sen "trincheiras"

O presidente do PP de Guipúscoa e portavoz no Parlamento vasco, Borja Sémper, decidiu abandonar a política, polo que nas próximas datas renunciará aos seus cargos públicos e orgánicos. 

Sémper atribuíu este martes o seu abandono da política á "fin dunha etapa persoal", aínda que se despediu cunha defensa pechada do exercicio da política desde o "respecto" e sen converter os partidos en "trincheiras".

O dirixente popular insistiu, nunha rolda de prensa, en que os motivos da súa marcha son fundamentalmente persoais e non deslizou nin un só reproche ao PP, un partido que, dixo, lle permitiu sempre expresarse con "liberdade".

Sémper si admitiu que "o clima político xeral" non é do seu agrado, porque considera que os adversarios "non son inimigos", e porque rexeita "a política de trincheiras, que se empeña en levantar muros". 

O dirixente popular de Guipúscoa xa lle comunicou os seus plans ao presidente do PP, Pablo Casado, antes de facer pública hoxe a súa decisión.

Borja Sémper Pascual (Irún, 1976), licenciado en Dereito pola Universidade do País Vasco (UPV/ EHU), milita no PP vasco desde os 17 anos e accedeu ao seu primeiro cargo público en 1995, cando foi elixido concelleiro en Irún (Guipúscoa), unha localidade en que, a partir de 1999, foi tenente de alcalde e delegado de Urbanismo. Parlamentario vasco desde 2003, converteuse en portavoz na cámara vasca tras a crise de 2013 que acabou co abandono da política da ex-presidenta do PP vasco Arantza Quiroga. En 2009 foi elixido presidente do PP de Guipúscoa con preto do 95 % dos votos e desde entón encabezou aos populares guipuscoanos sen apenas oposición.

Tras tentar dúas veces converterse en deputado nas eleccións xerais de 2015 e 2016, en que o seu partido non obtivo representación en Guipúscoa, Sémper encabezou o pasado ano a lista do PP á alcaldía de San Sebastián e logrou manter os 3 concelleiros que tiña, nun contexto de retroceso xeral das candidaturas populares. Na actualidade desempeña os cargos de portavoz do PP no Parlamento Vasco, concelleiro en San Sebastián e presidente do partido en Guipúscoa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí