O director do Foro Económico de Galicia augura uns orzamentos expansivos
O consello da Xunta vai aprobar o anteproxecto de orzamentos da comunidade para o 2022 este luns. O director do Foro Económico de Galicia augura unhas contas expansivas, que aumentarán o gasto público.
"Vai haber subas de salarios de empregados públicos, moitos máis cartos para investimento, para as universidades. Vai ser un ano de certa expansión. Volveremos ter uns orzamentos con cifras históricas grazas aos fondos Next Generation, grazas ao apoio do Goberno central ás comunidades autónomas", di Santiago Lago.
As contas do Estado para o ano próximo destinan 1074 millóns de euros a investimentos en Galicia. "Aproximadamente, Galicia atesoura o 8 % das infraestruturas importantes públicas, cando non somos nin o 6 % da poboación e somos o 5 % da actividade económica", afirma.
Os orzamentos do Estado integran algo máis de 27.600 millóns correspondentes aos fondos Next Generation creados pola Unión Europea para paliar os efectos económicos da pandemia. O executivo mantén que neste exercicio os cidadáns e as empresas notarán os efectos positivos destes fondos pero de momento Galicia descoñece canto se vai beneficiar destes cartos e que proxectos recibirán apoio.
"A estas alturas seguimos con moi pouca información de que proxectos van ser finalmente escollidos. Esta concepción moi centralizada pola que parece que apostou o Goberno central non é a máis positiva eu sería máis partidario dun protagonismo maior das comunidades autónomas á hora de identificar eses proxectos senlleiros en cada territorio polos que paga a pena apostar", apunta.
De momento continúan suspendidas as regras fiscais da Unión Europea e o Banco Central compra a débeda dos socios comunitarios. Lago vaticina que o axuste das contas chegará de xeito inevitable despois.
"Os orzamentos do 23 van ser uns orzamentos máis dolorosos, vai haber subas impositivas, recortes de gasto, unha cousa, as dúas... non sei, pero desde logo a partir do 23 comezamos un período de axuste que agardemos non sexa tan doloroso coma o que vivimos a partir do 2011", conclúe.