CRTVG

Buscar

O presidente Díaz-Canel, elixido líder do PC de Cuba en substitución de Raúl Castro

Publicado o 19/04/2021 17:15

O presidente de Cuba, Miguel Díaz-Canel, substituíu a Raúl Castro como primeiro secretario do Partido Comunista de Cuba (PCC, único legal) este luns, no cuarto e último día do VIII Congreso da formación política. Xunto con Raúl Castro, de 89 anos, saíron da cúpula do PCC outros dirixentes históricos como o actual número dous da formación, José Ramón Machado-Ventura (90), e o comandante Ramiro Valdés (88), ademais de Marino Murillo, considerado o "tsar" das reformas económicas iniciadas hai unha década.

Díaz-Canel anunciou que seguirá consultando con Raúl Castro as "decisións estratéxicas do futuro da nación". Castro, antes de legar o liderado da formación a Díaz- Canel, asegurou que "mentres viva" seguirá estando listo para "defender á patria, a Revolución e o socialismo". 

As palabras de Díaz-Canel suxiren que, aínda que xa non terá cargos nominais, o irmán menor de Fidel Castro seguirá conservando a súa influencia tras a substitución xeracional consumada no congreso, unha sucesión ordenada que el mesmo propugnou coa premisa de garantir a continuidade do sistema socialista de partido único e economía centralizada.

A declaración de intencións de Díaz-Canel é similar á que fixo en abril de 2018, cando substituíu a Raúl Castro na presidencia do país e asegurou que o octoxenario dirixente encabezaría "as decisións de maior transcendencia para o presente e o futuro da nación". 

Polo momento os medios estatais cubanos, únicos con acceso á cobertura do conclave, non precisaron quen foi designado como segundo secretario do PCC en substitución de Machado-Ventura. Entre os novos integrantes do órgano máis poderoso do PCC e por tanto de Cuba están o primeiro ministro do país, Manuel Marrero, e Luís Alberto Rodríguez López-Callejas, exxenro de Raúl Castro e xefe do conglomerado cubano de propiedade militar GAESA que controla os activos económicos máis valiosos do país.

Mantéñense no máximo órgano de dirección do PCC, ademais de Díaz-Canel, o presidente do Parlamento, Esteban Lazo; o vicemandatario, Salvador Valdés; o viceprimeiro ministro, Roberto Morales e o ministro de Exteriores, Bruno Rodríguez, entre outros. En total, o novo órgano intégrano 14 dirixentes, tres menos que a composición anterior. Entre eles hai tres veteranos maiores de 70 anos e tres mulleres: a presidenta da Federación de Mujeres Cubanas, Teresa Amarelle; a científica e directora do Centro de Enxeñería Xenética e Biotecnoloxía, Marta Ayala, e a primeira secretaria do PC en Artemisa, Gladys Martínez.

Os militares están representados polo recentemente designado ministro das Forzas Armadas Revolucionarias, xeneral de Exército Álvaro López Miera; o xeneral de División Lázaro Álvarez Casas e por Rodríguez López-Callejas, quen ten o grao de xeneral de Brigada. O novo Buró Político foi designado polo Comité Central electo a véspera polos 300 delegados que asisten á cita en representación dos máis de 700.000 militantes, e cuxa composición aínda non se difundiu.

O Comité Central "ten ao seu cargo a aplicación de resolucións, políticas e programas aprobados polo congreso que o elixiu", de acordo á información oficial divulgada. O VIII Congreso do PCC finalizará hoxe, na mesma data en que se conmemora o 60 aniversario da Vitoria de Praia Girón, como se chama en Cuba á errada invasión anticastrista de Baía de Cochos (1961). 

 

 

Noticias web

19/04/2021