Portugal pide renovar o estado de emerxencia tras un novo récord de contaxios

O presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, enviará hoxe ao Parlamento o decreto en que propón renovar o estado de emerxencia durante outros 15 días, ata o 8 de decembro, pero avisou que probablemente serán necesarias máis prorrogacións.
"Estamos ante un desafío que non termina no próximos quince días, continúa nas semanas e meses seguintes", dixo o presidente portugués en declaracións á prensa á súa saída dunha reunión con expertos para analizar a situación epidemiolóxica do país.
Rebelo de Sousa asegurou que vai enviar esta tarde ao Parlamento o decreto para renovar o estado de emerxencia, o nivel de alerta máis alto do país, que entrou en vigor o pasado 9 de novembro e dura ata o día 23.
O presidente quere renovalo agora outros 15 días —o período máximo que establece a constitución portuguesa para cada prorrogación—, pero prevé que despois haxa máis renovacións, "as que sexan necesarias para esmagar a curva".
O decreto deberá ser votado mañá, venres, no Parlamento, onde se prevé a súa aprobación, e o Goberno portugués anunciará o sábado as novas restricións para ese período.
Actualmente, o estado de emerxencia mantén 191 municipios —máis de 8 dos 10 millóns de habitantes do país, incluídos Lisboa e O Porto— con toque de recoller, entre as 23:00 e as 05:00 h de luns a venres e entre as 13:00 e as 05:00 h as fins de semana.
As restricións aplícanse por igual a todos os municipios cunha incidencia superior a 240 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días, pero espérase que o Goberno gradúe as medidas en varios niveis a partir da semana que vén.
Así, e segundo especulan medios locais, o toque de recoller desde as 13:00 horas as fins de semana —unha medida moi criticada por sectores como a restauración— podería manterse só nos municipios cunha incidencia superior aos 960 casos, para liberar os que presentan unha situación máis favorable, onde só se aplicaría en horario nocturno.
Portugal, con case 7.000 casos nas últimas 24 horas, bate novo récord
Portugal alcanzou hoxe un novo récord de toda a pandemia de casos diarios ao notificar 6.994 contaxios nas últimas 24 horas, en que ademais notificaron 69 falecidos por covid−19 e os ingresados nas UCI creceron un 6 %.
Segundo o boletín da Dirección Xeral de Saúde, o país acumula desde marzo 243.009 positivos e 3.701 falecidos.
Este xoves rexistrou o seu récord de contaxios diarios e superou as cifras da semana pasada, cando encadeou tres días consecutivos por encima dos 6.000 casos.
Os hospitalizados totais reducíronse lixeiramente, ata 3.017 pacientes (34 menos), debido á diminución en planta, mentres que os ingresados en coidados intensivos creceron un 6 %. Xa son 458 persoas nas UCI, 26 máis que un día antes.