CRTVG

Buscar

O presidente de Portugal admite que o estado de emerxencia pode chegar máis alá do Nadal

Publicado o 20/11/2020 22:12
O presidente de Portugal admite que o estado de emerxencia pode chegar máis alá do Nadal

O presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, asegurou hoxe que non dubidará en seguir renovando o estado de emerxencia cada 15 días se a situación o esixe e admitiu a posibilidade de que chegue mesmo ao Nadal.

Nunha comunicación ao país tras promulgar formalmente a renovación do estado de emerxencia ata o 8 de decembro, Rebelo de Sousa admitiu que se a situación o esixe poderá haber "unha segunda renovación, do 9 ao 23 de decembro, ou mesmo máis renovacións". "Que ninguén se engane. Non dubidarei un segundo para que o Goberno dispoña de bases suficientes para aprobar o que ten que ser aprobado", defendeu o presidente, que alertou sobre a posibilidade de que haxa unha terceira onda da covid-19 en xaneiro e febreiro.

Por iso, "é importante tentar conter fortemente en decembro o proceso pandémico", dixo o xefe do Estado luso, que referiu que os especialistas sinalan que as medidas tardan "cada vez máis" en producir efectos. "Canto máis tarde sexan tomadas, menos eficaces serán e máis tempo terán que durar", avisou o presidente, que tamén lembrou a "brutal" presión que hai nos hospitais, onde o número de internados e en coidados intensivos marcou hoxe novos máximos de toda a pandemia.

Esta presión "vai aumentar", asegurou, polo que "hai que evitar que culmine en situacións críticas xeneralizadas", o que sería "dramático" tanto para os pacientes de covid-19 como para o resto de enfermos. "Non imos renunciar nin a baixar os brazos", garantiu.

O presidente luso aprobou unha prórroga do estado de emerxencia, o nivel de alerta máis alto do país, entre o 24 de novembro e o 8 de decembro despois de que o Parlamento aprobara esta mañá a medida.

Actualmente, o estado de emerxencia mantén a 191 municipios, que aglutinan a máis do 80 % da poboación e inclúen a Lisboa e O Porto, baixo toque de queda de luns a venres de 23 a 5 horas, e as fins de semana entre as 13 e as 5 horas.

O primeiro ministro, António Costa, presentará este sábado as medidas para a nova quincena de estado de emerxencia, que se espera que sexan fixadas de forma máis heteroxénea, en función da situación de cada comarca.

Portugal notificou nas últimas 24 horas 6.489 novos contaxios, por baixo do récord de toda a pandemia de case 7.000 que rexistrou onte, e 61 falecidos, o que eleva o balance total desde marzo a 249.498 positivos e 3.762 óbitos.
 

Noticias web

20/11/2020