CRTVG

Buscar

O presidente de Italia acepta o novo goberno de centroesquerda de Conte

Publicado o 04/09/2019 17:13

• O líder do Cinco Estrelas farase cargo de Exteriores

O presidente de Italia acepta o novo goberno de centroesquerda de Conte
Giuseppe Conte, o primeiro ministro italiano encargado de formar o novo Goberno entre o Movemento Cinco Estrelas (M5S) e o Partido Democrático (PD), anunciou hoxe a composición do Consello de Ministros, en que o líder do M5S, Luigi Di Maio, se fará cargo de Exteriores. O Ministerio do Interior ocuparao Luciana Lamorgese (independente); Xustiza, Alfonso Bonafede (M5S); Defensa, Lorenzo Guerini (PD), e Economía, Roberto Gualtieri (PD).
En total haberá 22 ministros, nove deles do socialdemócrata PD, once do Cinco Estrelas e unha ministra técnica en Interior. Conte e os seus ministros xurarán o seu cargo mañá na sede da Xefatura do Estado, segundo anunciou o secretario xeral da Presidencia da República. O primeiro ministro, que tamén encabezou o anterior gabinete de coalición entre o antisistema M5S e a ultradereitista Liga de Matteo Salvini, anunciou a composición do novo Goberno despois de reunirse co presidente italiano, Sergio Mattarella, no Palacio do Quirinale.

Conte eliminou as "reservas" coas que aceptara o encargo de formar goberno -unha fórmula habitual- ao poder presentarse ante o xefe do Estado co programa e a lista de ministros, despois de días de frenéticas negociacións entre os dous partidos que antes eran inimigos acérrimos.
Mattarella, pola súa banda, aceptou a proposta sen vetar a ningún dos nomes, dando así luz verde ao nacemento do goberno número 66 da República Italiana. Será un executivo de maioría parlamentaria entre o M5S e o PD, co apoio do pequeno partido de esquerda Libres e Iguais.
O presidente italiano apareceu despois ante os medios congregados para dar as grazas durante todos os días que durou a crise de goberno e recoñecer o seu traballo.
"Foi de gran interese para o meu ler hoxe pola mañá os xornais en papel ou online e as distintas interpretacións dos feitos. É precioso poder ter perspectivas e valoracións diferentes, e quero subliñar o valor da prensa", dixo Mattarella

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí