CRTVG

Buscar

O presidente de Canarias destitúe a súa conselleira de Sanidade Teresa Cruz

Publicado o 25/03/2020 23:15
O presidente de Canarias destitúe a súa conselleira de Sanidade Teresa Cruz

O presidente do Gobierno de Canarias, Ángel Víctor Torres (PSOE), destituíu este mércores a conselleira de Sanidade, a súa compañeira de partido Teresa Cruz, en plena crise pola pandemia de coronavirus.

A partir desta noite, faise cargo do departamento de Sanidade da comunidade autónoma o conselleiro de Administracións Públicas, Xustiza e Seguridade e portavoz do Executivo, Julio Pérez (PSOE).

A situación de Teresa Cruz era inestable no Goberno desde hai meses, mesmo antes de que se declarase o primeiro caso de coronavirus en España -precisamente en Canarias-, porque algúns membros do cuadripartito que apoia a Torres (PSOE, NC, Podemos e ASG) discrepaban de como enfocara a súa xestión.

Teresa Cruz foi a primeira conselleira de España que tivo que lidar cun caso de coronavirus -o 30 de xaneiro, protagonizado por un turista alemán na Gomera-, e a primeira en enfrontarse ao reto de poñer un hotel completo en corentena -en Tenerife, porque se detectou que unha parella italiana tiña a enfermidade-, e tamén foi a primeira en caer nesta emerxencia sanitaria.

En dúas entrevistas concedidas á Dez Capital Radio Tenerife e ao diario La Provincia, Cruz queixábase de que había "certos intereses particulares" que lle querían "mover a cadeira", pero tamén salientaba con ironía que foran as súas decisións de "inexperta" as que axudaran a que Canarias fose o territorio de España, tras Ceuta, con menos casos de coronavirus en proporción á súa poboación (as illas terminaron este mércores cunha cifra acumulada de positivos de 784, con 24 falecementos).

E á pregunta directa de como ía ser a súa convivencia co novo coordinador do Comité de Xestión da Emerxencia Sanitaria en Canarias, a xa exconselleira presumía de que as ordes as daba ela, porque Conrado Domínguez era só "un asesor".

As súas declaracións nesas dúas entrevistas poden precipitar a súa destitución, porque no Executivo non gustou que Cruz se atribuíse en solitario o mérito de decisións que, como pouco, foran colectivas.

A destitución de Cruz chega tamén no medio das críticas de varios colectivos sanitarios por como se estaba enfocando a xestión da epidemia de coronavirus, centradas na falta de medios. Pero, sobre todo, esas críticas facían fincapé en que Canarias é unha das comunidades autónomas do país con maior porcentaxe de sanitarios infectados: nas illas, o 20 % das persoas que se contaxiaron de COVID-19 son profesionais da sanidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí