CRTVG

Buscar

O presidente de Alcoa confirma que hai investidores interesados nas fábricas

Publicado o 11/03/2019 19:41

A publicación do borrador do estatuto da industria electrointensiva pode ser inminente. O Goberno pretende aprobalo no Consello de Ministros do 26 de abril, a dous días das eleccións xerais.  

Carlos López Corbacho, presidente do comité de Alcoa-A Coruña: "Non é verdade o que dixo onte o presidente do Goberno. Fálannos de que teñen o texto xa practicamente pechado, están con pequeniños detalles, e que están xa para sacalo inminentemente. A día de hoxe non está o estatuto".

O presidente de Alcoa-España di que aínda hai moitas incertezas sobre ese estatuto, incertezas que estarían atrasando a posibilidade de venda das factorías malia o interese dalgúns investidores.

Rubén Bartolomé, presidente de Alcoa-España: "Hai xente interesada, pero aínda estamos moi lonxe de dar os pasos necesarios ata o mes de xuño para atopar algo que sexa sólido".

O contido do estatuto da industria electrointensiva pode determinar esas ofertas. Polas explicacións do Goberno, a Xunta cre que non se tiveron en conta as súas achegas e que non haberá unha solución integral. 

Francisco Conde, conselleiro de Industria: "Apelamos a que o Goberno saia da inercia en que está instalado e que dea pasos firmes para poder concretar unha solución e poder trasladar certezas sobre ese prezo eléctrico que pode permitir a viabilidade das plantas da Coruña e de Avilés".

A mesa de seguimento de Alcoa volverá xuntarse o dez de abril.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/03/2019