CRTVG

Buscar

O presidente da Xunta destaca a "unidade" e a "moderación" como receitas políticas na despedida do 2019

Publicado o 01/01/2020 10:51

O presidente Feijóo elixiu unha aula do instituto Blanco Amor de Ourense para o discurso deste ano. El mesmo foi alumno do centro. Feijóo aproveitou a gravación para saudar antigos compañeiros e profesores.

O coloquio con antigos alumnos e profesores no Instituto Blanco Amor de Ourense deu para a lembranza, pero tamén para poñer a educación como eixe da mensaxe de fin de ano co éxito do ensino galego no informe Pisa como proba dunha mellora histórica.

"A nosa comunidade sitúase en cabeza das autonomías españolas en ciencias e nos primeiros postos en matemáticas… Galicia pasa de sufrir un sistema educativo precario e desigual, a contar con medios e recursos humanos e materiais que nos aquiparan cos países máis adiantados. En aulas coma esta proporciónase un ensino público de calidade e con igualdade de oportunidades", afirmou o presidente da Xunta.

Alberto Núñez Feijóo apelou á unidade do pobo galego como medio para ser máis fortes nun momento político en que os intereses Galicia van atrás dos do intependentismo catalán.

"Galicia segue agardando por recursos que son seus e que están inexplicablemente retidos pola Administración central. Galicia sente unha lóxica inquedanza pola indefinición da data de finalización das obras do AVE. Galicia asiste con estupor a unha errática política que parece destinada a condenar unha parte do noso sector industrial, malia a súa capacidade tecnolóxica e a súa adaptación ao mercado. Mentres tanto, prímanse acordos con forzas e líderes xulgados e condenados, que teñen o propósito confesado e ratificado de socavar primeiro a España das autonomías para fragmentala mediante procesos de ruptura. E descártanse entendementos baseados na moderación que propiciou a etapa máis fecuda da nosa historia".

O Xacobeo 2021, a Galicia máis nova, máis verde e máis innovadora inzaron o argumentario da mensaxe de Alberto Núñez Feijóo en 2019: "No ano que recibimos -pórtico do Xacobeo do 2021- Galicia volverá ser un foco de tolerancia, solidariedade e unidade. Afirmar que temos futuro, lonxe de ser algo retórico, ten aquí, en aulas coma esta, o seu fundamento. Galicia é moito. Galicia é todo. Bo Nadal e os mellores desexos para o novo ano".

Noticias web

01/01/2020