CRTVG

Buscar

O PPdeG vota en contra de financiar as máscaras para os centros escolares

Publicado o 22/09/2020 18:19
O PPdeG vota en contra de financiar as máscaras para os centros escolares

O Parlamento de Galicia rexeitou este martes, cos votos en contra do grupo maioritario do PPdeG fronte ao apoio da oposición, unha proposición non de lei presentada polo BNG que reclamaba que a Xunta custease as máscaras que deben empregar obrigatoriamente os nenos galegos para acudir aos centros escolares.

En concreto, a iniciativa rexistrada pola formación nacionalista instaba o Goberno galego a asumir as súas competencias educativas e "facerse cargo" do custo destas máscaras "por ser un elemento imprescindible para garantir o dereito fundamental á educación", xa que sen as mesmas non se pode acceder aos centros educativos.

Así mesmo, a proposta descartada pola maioría popular esixía á Administración autonómica que tamén asumise de forma directa "os gastos de material, de seguridade e limpeza" derivados da adaptación dos protocolos covid-19 e que están a repercutir "no orzamento dos centros".

O deputado Manuel Antonio Lourenzo sostivo que o inicio deste curso escolar no medio da pandemia supón "o reto máis grande do país en décadas" e considerou que conseguir organizar a educación presencial de forma segura "é incompatible cos bandazos e coa improvisación dunha Consellería de Educación que non estivo á altura das circunstancias".

"Tivemos desde o 12 de marzo para planificar, para prever esta situación", subliñou Lourenzo, crítico coa xestión realizada polo Goberno galego, a quen emprazou para que "saia do seu grupo burbulla de San Caetano", sede da Administración, e aplique as medidas necesarias no canto de delegar o traballo e o gasto nos colexios e nos concellos.

Nunha liña similar foi o discurso do portavoz de Educación do PSdeG, Luís Álvarez, que iniciou a súa intervención recoñecendo, sen esquecer as diferenzas, o traballo realizado á fronte da Consellería por Carmen Pomar, titular deste departamento até hai unhas semanas e relevada tras a conformación do novo Executivo.

Os socialistas galegos presentaron unha emenda, que tampouco prosperou, para que, ademais de financiar o custo das máscaras para os escolares, a Xunta se fixese cargo das modificacións orzamentarias nas arcas municipais derivadas da limpeza dos centros, ademais de incrementar os gastos en contratación.

Con todo, a negativa do grupo do PPdeG impediu que prosperasen estas reclamacións, despois de que o parlamentario Ovidio Rodeiro expuxese que o uso de máscaras ten un "impacto económico" nas familias anterior ao comezo da actividade escolar, dado que son obrigatorias en calquera outro contexto.

"Xa o tiveron e xa o teñen que asumir, vaian os nenos á escola ou vaian os nenos facer calquera outra actividade", declarou Rodeiro, que apuntou que sería máis apropiado demandar do Goberno central a "gratuidade" deste elemento de protección ou, polo menos, unha rebaixa do IVE aplicado sobre as mesmas.

"Hai que axustarse máis á realidade das cousas", agregou, antes de lembrar as entregas deste material ao persoal docente e laboral dos centros realizadas pola Xunta ou o envío de varias partidas de máscaras infantís para o seu uso nos centros no caso de que sexan necesarias "de forma puntual".