CRTVG

Buscar

O PPdeG responsabiliza a Sánchez da anulación do certificado covid

Publicado o 17/08/2021 14:53

A viceportavoz parlamentaria do PPdeG Paula Prado considerou este martes que o auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que inhabilita a obrigatoriedade de solicitar o certificado covid para acceder ao interior de locais "demostra que o Goberno de España dimitiu na xestión da pandemia", que unicamente recae nas "comunidades autónomas e nos xuíces".

En todo caso, Prado defendeu a proposta da Xunta para empregar o certificado covid para acceder a locais de lecer en Galicia xa que "este é un recurso máis que temos en pandemia e non parece razoable que só se utilice para poder viaxar". En opinión da deputada popular, é procedente "tratar de optimizar recursos" para que tal credencial poida ser utilizada por todas as persoas vacinadas.

Ademais, Prado insistiu en que o certificado permitía "beneficiar" o sector da hostalería, que o "está pasando mal", xa que axudaba a que se puidesen ampliar os aforos dos locais. Por iso, lamentou que a ausencia dunha norma estatal de pandemias impida implementar medidas deste tipo xa que aínda que no PP de Galicia "respectamos o auto" da xustiza, o partido entende que se "tivésemos unha norma de Estado" para a pandemia "evitariamos todo este conflito xurídico".

Finalmente, sobre a postura dos grupos da oposición -BNG e PsdeG- que esixen explicacións á Xunta e a celebración dun pleno extraordinario pola situación aberta tras o pronunciamento do TSXG, Prado incidiu en que o "Parlamento ten o seu regulamento e os trámites cumpriranse conforme ao regulamento". 

Noticias web

17/08/2021