O PPdeG quere ampliar os supostos da Lei galega contra a violencia de xénero
O Grupo Parlamentario Popular quere ampliar os supostos da Lei galega contra a Violencia de Xénero. O seu voceiro anunciou a presentación dunha proposta na Cámara para que tamén se inclúan na norma os actos de agresión exercidos mediantes as novas tecnoloxías: teléfonos móbiles, redes sociais ou canles telemáticas.
Ademais, Pedro Puy manifestou o rexeitamento do seu partido ao pagamento nas autovías da rede estatal, previsto polo Goberno, ao considerar que é unha medida "regresiva" e "discriminatoria" para Galicia, como comunidade periférica.
En referencia á iniciativa que o BNG leva este martes ao pleno da cámara galega contra estas peaxes, dixo que calquera cobranza vinculada ao custo por quilómetro para usar estas infraestruturas "non é correcto" e o seu partido vai estar "en contra".
Este pago parécelle aínda máis rexeitable polo "aprazamento" na rebaixa das peaxes da AP-9 comprometido nos orzamentos estatais e porque segue pendente o traspaso da titularidade daa autoestrada, malia seren aprobada no Congreso "por ampla maioría".
Pedro Puy criticou que a tramitación na Mesa do Congreso leva "máis de doce prórrogas", na súa opinión, por culpa dos partidos que apoian o Goberno: PSOE e Unidas Podemos.
Por outra banda, defendeu o proceso de desescalada da pandemia posto en marcha pola Xunta fronte ás propostas da oposición. Ao seu parecer, sempre se actuou con "enorme responsabilidade" e seguindo as recomendacións do comité clínico.