O PPdeG pide que Navantia "coide a industria auxiliar"
O secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado, reclamou este venres que Navantia "coide a industria auxiliar" e anunciou que a súa formación presentará iniciativas sobre a situación destas empresas no Parlamento galego e as Cortes.
Nunha visita a Narón, estimou que a firma pública "debe 4,7 millóns de euros" a unha delas, ElectroRayma. O dirixente popular percorreu as súas instalacións xunto ao presidente provincial do partido, Diego Calvo.
En declaracións aos xornalistas, indicou que a débeda se corresponde coa construción nos estaleiros da ría de Ferrol dos buques para a Armada de Australia. "Pedimos boa xestión, carga de traballo da ría", puntualizou, para asegurar que grazas ao tecido auxiliar "ten certa competitividade internacional".