O PPdeG pecha os congresos provinciais coa reelección en Ourense de Manuel Baltar
O Partido Popular de Galicia pechou hoxe a rolda de congresos provinciais coa reelección en Ourense de Manuel Baltar co 99 % dos votos. Alberto Núñez Feijóo cualifica de "exemplares" os congresos do seu partido, á diferenza das loitas internas dos socialistas e o Bloque.
Alberto Núñez Feijóo pechou o congreso da reelección de Manuel Baltar á fronte do PP de Ourense animando a recuperar a maioría absoluta na Deputación. Segundo dixo, un ourensán non debe ter uns servizos públicos peores ca un catalán só porque a Sánchez lle fagan falta os independentistas para seguir na Moncloa.
Neste derradeiro congreso provincial dos catro do PP de Galicia, o presidente asegurou que saen deles máis fortes, mellor preparados e máis abertos á sociedade galega, en contraste cos enfrontamentos internos dos conclaves do PSOE e do Bloque Nacionalista Galego.