CRTVG

Buscar

O PPdeG acusa a Confederación do Miño-Sil de “conivencia” coas eléctricas

Publicado o 10/09/2021 13:31
EFE

O Partido Popular de Galicia acusou este venres a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) de conivencia coas empresas eléctricas por permitir o baleirado dos encoros da conca ata “mínimos históricos” nun momento en que o prezo da luz alcanza “máximos históricos”.

Neste sentido se pronunciaron o secretario xeral dos populares galegos Miguel Tellado e a vicesecretaria de Axenda Verde do PPdeG e conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vázquez despois de se reuniren con alcaldes e portavoces de concellos afectados polo baleirado dos encoros da bacía Miño-Sil.

“Non é simplemente unha neglixencia, aquí hai unha conivencia”, remarcou o número dous dos populares galegos, que asegurou que estamos “ante unha manobra especulativa” mediante a que as empresas eléctricas “aproveitaron os altos prezos da electricidade para baleirar ata mínimos históricos os encoros”.

Neste sentido, Tellado reprobou que o presidente da CHMS José Antonio Quiroga permitise un “baleirado extremo, irresponsable, especulativo e fraudulento” que “só podía evitar el, que é quen ten a competencia exclusiva para facelo”.

Por iso, o popular criticou que o Goberno socialista sempre elixa mal as persoas para dirixir un ente de tanta relevancia como a Confederación Hidrográfica, xa que “sempre que nomea presidentes para a confederación Miño-Sil, o PSOE non acerta”, pois o anterior no cargo foi Francisco Fernández Liñares, condenado por delitos de suborno e prevaricación.

“No PSOE buscan responsables que ocupan o despacho, pero dedícanse a outras cousas; é a desgraza que sofre Galicia cada vez que en Madrid goberna o PSOE”, sentenciou Miguel Tellado.

Pola súa banda, Ángeles Vázquez fixo fincapé na posible afección ao funcionamento normal dos ecosistemas polo baleirado de encoros, que pode carrexar sancións de ata dous millóns de euros, con base na lei de patrimonio natural de Galicia.

Vázquez tachou o baleirado de acción “irresponsable e ataque frontal e directo aos galegos” que agora o Ministerio e o PSOE queren esconder con “mentiras e falsidades para estender unha cortina de fume”.

Segundo a conselleira “chama moitísimo a atención” que ata o de agora a Confederación sempre actuase conforme á lei pero coa subida dos prezos da luz “por primeira vez” pasou por alto os trámites administrativos necesarios para avisar sobre o baleirado dos encoros.

“Que casualidade”, deixou caer a dirixente popular, que tamén acusou á Confederación de “complicidade” coas empresas que explotan a conca Miño-Sil.

Mentres tanto, “a única administración que tomou medidas ata o de agora foi a Xunta”, ao incoar senllos expedientes sancionadores respecto diso, polo que espera que o Goberno estatal tamén adopte as medidas pertinentes ante unha actuación que é “gravísima”.

Na mesma liña, o alcalde de Portomarín (Lugo) Juan Serrano lamentou a actuación da CHMS debido a que ata a data “nunca se utilizou de forma tan mesquiña” esta entidade. 

Noticias web

10/09/2021