O PP ve en Madrid o primeiro paso cara á Moncloa; o PSOE fala dunha vitoria territorial
Díaz Ayuso xa pensa no seu novo executivo. Terá menos consellerías e non desbota que algunha sexa doutras formación. VOX está dispoñible, aínda que o seu si á investidura non ten condicións.
Santiago Abascal garantiu que "contará co voto a favor de Vox na súa investidura, e cremos que lle corresponde a ela dicir se quere contar con VOX non só nesta lexislatura, senón no Goberno".
Ayuso terá en fronte unha nova líder da oposición, unha Mónica García que este mércores volvía a Orcasitas, un dos distritos onde Más Madrid tivo maioría: "Collemos a luva destas eleccións. Redobramos o esforzo. Imos redobrar a aposta e dicímoslle á señora Ayuso que imos ser a súa sombra".
A dúbida é se na nova Asemblea estará Ángel Gabilondo. O socialista di que vai recoller acta, pero no PSOE madrileño xa hai voces que lle piden que non o faga tras levar o partido ao peor resultado electoral nuns comicios autonómicos. A dirección nacional admite que non esperaban tal varapau, pero a consigna é que os resultados non teñen lectura nacional.
Para Carmen Calvo, vicepresidenta primeira do Goberno, "estas foron unhas eleccións territoriais. Que todo ten transcendencia? Evidentemente, pero estas son unhas eleccións territoriais que gañou o PP de Madrid co discurso de VOX".
No PP dan por feita a reagrupación do centrodereita baixo as súas siglas e ven na vitoria de Díaz Ayuso un paso de xigante para volver á Moncloa.
Pablo Casado, presidente do PP, cre que "a coalición de Goberno sae, sen dúbida, moito máis debilitada, e a única alternativa, o PP, sae moito máis fortalecida". Isabel Díaz Ayuso, presidenta en funcións di que "se abre un escenario ante nós moi prometedor para este cambio".
No Congreso, os socios de investidura coinciden: polo que a eles afecta, o que pasou en Madrid non porá en perigo o que queda de lexislatura.