O PP tacha de "estafa" as medidas para baixar a luz
O Partido Popular cre que o plan de choque presentado polo Goberno é un parche, un calote e que non é suficiente para arranxar o problema do prezo da luz. Din que darán a batalla para levar a baixada do IVE máis aló de decembro e pregúntanlle ao presidente que garantía ten de que as empresas non recuperarán á custa do consumidor os beneficios que agora se lles quitan.
Javier Maroto, voceiro do Partido Popular no Senado, cre que Sánchez "estannos agochando que o seu plan propón baixar a luz por un lado pero cargarlles unha boa parte desa diferenza ás empresas do gasóleo e da gasolina. Iso non o conta. Vaia escudo social. Báixannos a luz pero sóbennos a gasolina? Sabe como se chama politicamente a iso? Unha estafa, señor Sánchez".
Sánchez acusou o PP de non facer nada cando gobernaron, agás fixar o imposto ao sol, eliminar as axudas ás renovables ou tomar medidas que logo tombou a xustiza: "Veñen vostedes aquí e dan leccións pero, cando gobernaron, que fixeron? Vostedes impuxeron un canon hidráulico e agora os españois temos que pagar máis de 1.000 millóns de euros por unha sentenza do Tribunal Supremo".
O presidente do Goberno dixo que o seu é un plan rigoroso, serio e solvente e reiterou que o recibo medio de 2021 será equivalente ao de 2018.