CRTVG

Buscar

O PP suspende o seu pacto de goberno con Democracia Ourensana temporalmente

Publicado o 08/09/2020 13:27

Vázquez Abad e Pérez Jácome, na toma de posesión do líder de DO | EFE

O PP decidiu a "suspensión temporal" do seu pacto con Democracia Ourensana para gobernar Ourense tendo en conta que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, desa formación independente, foi denunciado por cinco dos seus edís pola xestión das contas.

O presidente local do PP e coordinador do grupo municipal, Jesús Vázquez Abad, foi o encargado de anunciar a decisión nunha rolda de prensa este martes en que informou da renuncia dos edís deste partido ás competencias delegadas neles por falta de confianza no rexedor.

Non pediu a dimisión, pero si explicacións, e reprochou a Jácome converter a crise do seu partido noutra de "gobernabilidade".

Nas últimas eleccións locais, PP e  DO empataron a concelleiros, sete, aínda que os populares superaron en votos a Democracia Ourensana. Fixeron posible, con todo, que Jácome fose alcalde para salvar a Deputación Provincial, onde, polos resultados, necesitaban a DO.

O PSOE obtivo nove actas neses comicios.