CRTVG

Buscar

O PP reúne este mediodía o Comité Executivo Nacional para analizar os resultados

Publicado o 30/04/2019 08:22

• Á reunión non asiste o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo

• O PP vincula o peor resultado da historia coa división da dereita

Miguel Tellado: "Hai que recolocar o PP onde sempre estivo"

Ás doce deste mediodía, o Partido Popular celebra a reunión do Comité Executivo Nacional no que vai analizar o revés electoral do domingo. A pesar de obter os peores resultados da súa historia, desde o partido xa anunciaron que Pablo Casado vai seguir como presidente do PP e líder da oposición. 

Con 66 escanos, o Partido Popular, a segunda forza máis votada, liderará a oposición. Pero a pesar da desfeita electoral, e de perder 71 escanos e 4 millóns de votos respecto a 2016, o secretario xeral do partido, Teodoro García Egea, descarta a dimisión de Pablo Casado.

Teodoro García Egea, secretario xeral do PP: "Durante os próximos catro anos o líder da oposición chámase Pablo Casado. Imos facer unha oposición firme e contundente, aglutinar esa maioría de españois que aglutinamos no seu momento e conseguir que haxa un voto útil, orgulloso e ilusionado".

García Egea pide tempo para o proxecto de Casado, que é a longo prazo, dixo, e que necesita o tempo que todo o mundo tivo, engadiu. O secretario xeral asegurou tamén que na executiva de hoxe se vai facer autocrítica e que na reunión cos baróns territoriais se analizarán as cuestións a mellorar de cara aos vindeiros comicios. Ante as voces que acusan a actual dirección de abandonar o centro, o número dous do PP responde.

"O PP sempre representou o centrodereita e iso é o que imos seguir representado e poñerémonos a traballar de cara aos próximos comicios", dixo García Egea.

A reunión do Comité Executivo contará cunha gran ausencia, a do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Ten sesión de control no Parlamento galego, habitualmente en mércores, pero adiantada esta semana polo festivo de mañá.

Noticias web

30/04/2019