CRTVG

Buscar

PP e Ciudadanos respectan a decisión do rei e Vox cre que a esquerda quere un "linchamento"

Publicado o 03/08/2020 19:35
PP e Ciudadanos respectan a decisión do rei e Vox cre que a esquerda quere un "linchamento"

O PP expresou este luns o seu máis "absoluto respecto" á decisión do rei Xoán Carlos de ir vivir fóra de España e destacou o seu papel na chegada da democracia e o seu legado á fronte da monarquía.

Don Xoán Carlos demostra, coa súa decisión, "a súa lealdade a España, á monarquía parlamentaria e ao rei Felipe VI", segundo fontes do PP, que precisaron que o seu papel na chegada da democracia a España foi "determinante e decisivo".

Tamén cualificaron de fundamental o seu legado á fronte da monarquía para que hoxe os españois poidan gozar "dun dos sistemas democráticos máis desenvolvidos do mundo".

Ao mesmo tempo, as fontes lembraron que o partido que preside Pablo Casado reafirma o seu apoio ao rei Felipe VI, que leva exercendo "de forma exemplar" o seu papel como xefe do Estado durante estes seis anos de reinado.

Hoxe máis nunca, engadiron, o PP fai un chamamento á unidade arredor do xefe do Estado, á institución que representa e en defensa da Constitución española como garante da unidade de España e de todos os españois.

Ciudadanos respecta a decisión do rei e expresa o seu apoio a Felipe VI

Pola súa banda, Ciudadanos tamén manifestou o seu respecto á decisión de don Xoán Carlos de ir vivir fóra de España e mostrou o seu total apoio ao rei Filipe VI no seu compromiso "co bo nome" da monarquía.

Fontes da formación liderada por Inés Arrimadas precisaron que apoian o actual xefe do Estado polo seu compromiso coa institución que representa, pero tamén coa Constitución e coa democracia.

As fontes expresan tamén a súa confianza en que "os seus pasos recentes e próximos contribuirán á exemplaridade da casa real".

Vox cre que a esquerda quere un "linchamento"

A secretaria xeral do grupo parlamentario de Vox no Congreso, Macarena Olona, denunciou este luns que a esquerda quere "un linchamento público" do rei Xoán Carlos, xa sexa con el "vivo" ou cos seus "restos mortais".

"O odio da esquerda non coñece límites", escribiu na súa conta de Twitter, tras coñecer a decisión de Xoán Carlos I de establecer a súa residencia fóra de España.

"Queren un linchamento público. Vivo ou cos restos mortais. Xa o demostraron. O rei Xoán Carlos exíliase. España queda con Podemos", lamentouse a dirixente de Vox, antes de preguntarse: "Por quen dobrarán agora as súas cazoladas?".