CRTVG

Buscar

O PP foi a forza máis votada en Galicia, pero empata en escanos co PSdeG

Publicado o 11/11/2019 08:59

O Partido Popular foi a forza máis votada en Galicia, aínda que empatou en número de escanos co PSdeG-PSOE, que conserva os dez que acadara o 28 de abril. O BNG volve ao Congreso, Ciudadanos perde os dous escanos que tiña e Vox non consegue representación na nosa comunidade.

Con 469.000 votos, dez mil máis ca o PSdeG, o Partido Popular foi a forza máis votada en Galicia e logra dez escanos, gaña un deputado á conta da debacle de Ciudadanos, que perde os dous que lograra o 28 de abril. A dez meses das autonómicas de 2020, os populares acadan o 32% dos apoios, cinco puntos máis ca hai sete meses. Os socialistas perden preto de 70.000 sufraxios, pero menos dun punto porcentual.

Galicia en Común, integrada por Podemos e Esquerda Unida, queda como terceira forza, conserva as dúas actas de Gómez-Reino e Yolanda Díaz, inda que perden case 55.000 apoios. O outro titular da noite é o regreso do BNG ao Congreso, tras catro anos fóra. A formación liderada por Ana Pontón obtén un escano pola Coruña, o de Néstor Rego.

Por provincias, o PP foi a forza máis votada en tres delas, agás, unha vez máis, en Pontevedra. Na provincia da Coruña, cambia o panorama respecto a abril: os populares conservan os tres escanos igual que o PSdeG pero acadan máis votos, desaparece o escano de Ciudadanos, BNG recupera un e Galicia en Común conserva o que tiña. En Lugo e Ourense, Partido Popular e Partido Socialista manteñen os dous escanos que obtiveran nos comicios do 28 de abril. E na provincia de Pontevedra, con case o 32% dos votos, os socialistas foron a forza máis votada, 14.000 votos máis que os populares, e unha diferenza de ata dous puntos, inda que ambos manteñen os tres escanos que tiñan. Ciudadanos perde un e Galicia en Común conserva o que lograra en abril.

Entre as sete grandes cidades, os socialistas foron a forza máis votada en seis delas. Só en Santiago, gañou o PP.

Vox non obtén representación en Galicia e tampouco Máis País. A marca de Errejón, aquí liderada por Carolina Bescansa, só obtivo o 1,53% das papeletas. Aínda que con variacións en escanos, a repartición por bloques queda semellante a hai sete meses: o 55% dos votos foi para forzas de esquerda, o resto para a centrodereita. A participación na nosa comunidade foi do 66%, fronte ao 73 de abril.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí