CRTVG

Buscar

O PP pídelle ao Goberno a conexión á alta tensión de Vigo

Publicado o 23/02/2021 21:22

No Senado, o Partido Popular reclamoulle ao Goberno que inclúa nos plans de Rede Eléctrica de España a conexión á alta de tensión de Vigo. A ministra para a Transición Ecolóxica respondeu que se poden presentar alegacións á planificación e o popular Javier Guerra recordoulle que esa conexión é fundamental para o futuro da factoría de PSA.

"A Fábrica de PSA de Vigo é a máis produtiva de España e unha das máis produtivas do grupo a nivel internacional e traballa en condicións de competencia non igual porque Vigo e a súa área industrial son a única cidade de España que ten 132 kilowatts de potencia e o que queremos é competir, competir nunha industria que dá de comer a 7.000 persoas de forma directa e 22.000 de forma indirecta", di Javier Guerra, senador do PP.

"Non se producen nin decisións nin intervencións en torno á planificación sobre a base de criterios territoriais ou de oportunidade política senón que se toman as decisións, sobre todo, sobre a base da necesidade e de minimizar custes que acaban pagando os consumidores. Estamos aínda a tempo de incorporar, coa debida xustificación, aquelas alegacións que poñan de manifesto que é importante introducir algunhas infraestruturas", responde Teresa Ribera, ministra para a Transición Ecolóxica.

Noticias web

23/02/2021